martes, 4 de octubre de 2016

Rachar o espello de Alicia: por un feminismo decolonial

Os feminismos occidentais precisan un xiro epistemolóxico: deixar de ser Alicias que entran, monstruosas e en tropel, nas vidas das outras. Coñecer en profundidade e complexidade os contextos, deixar que elas (múltiples, diversas, complexas) falen, desfacer oposicións ficticias e estereotipos recorrentes que só producen silencio.


Seguramente moitas de nós crecésemos escoitando falar, lendo ou en tempos máis recentes, vendo, a Alicia no seu país das marabillas e na súa viaxe a través do espello. Alicia é unha ficción que ten moitas máis lecturas das aparentes. Unha delas, chegada de lectoras feministas non occidentais que foron obrigadas, porque así o mandaba o canon, a ler esta historia de nena loira, fálanos de como Alicia pode lerse coma unha metáfora da colonización. Como a historia da muller branca que chega a poñer orde e dominar un mundo que lle resulta alleo, estraño e incomprensible. Onde todo o que ve a remite á tolemia, porque simplemente carece das ferramentas necesarias, do contexto e da sensibilidade, para achegarse dende outra óptica ao que a rodea. Ela, Alicia, fica, xigante e dona da verdade absoluta, no medio dunha paisaxe descoñecida que busca interpretar dende o seu contexto branco e acomodado de xardíns e seráns de tomar o té.

As ficcións coma esta poden semellar a primeira vista irrelevantes, mais cómpre volver poñer o foco na importancia das ficcións como creadoras de realidade, non nun sentido abstracto e literario, senón máis ben no sentido dos discursos que imos debullando cada día a través das imaxes e mensaxes que proxectamos sobre nós mesmas e as nosas outras, en particular dentro dos feminismos occidentais. Igualmente, porque como defende Chandra Talpade Mohanty, a tarefa de revisar as interaccións entre os feminismos e os discursos coloniais é agora máis urxente ca nunca, nun contexto onde os patriarcados e o capitalismo se reforzan e onde debemos deconstruír os conceptos occidentais da suposta sororidade feminista da Alicia de cuncas de té para pasar a unha solidariedade feminista crítica como a que defende Mohanty.

Para as persoas que coma min habitamos espazos intermedios, persoas que somos o túnel ou o espello das Alicias varias, non deixa de resultar cada vez máis preocupante a ausencia dun debate de profundidade sobre a cuestión de/colonial no contexto dos feminismos occidentais. Polo xeral, cando se tratan estes temas, mesmo nun contexto de debate chamado “interseccional”, adoita ser dende o exotismo ou dende a superioridade moral, dúas caras do mesmo discurso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario